Thursday 09 de May de 2024

Aprobación inicial do regulamento do Novo Consello de Inclusión Social de Riveira


Ábrese un período de 30 días de exposición pública

O Boletín Oficial da Provincia publica a aprobación inicial do regulamento do Consello Municipal de Inclusión Social e Benestar do Concello de Riveira.

Os interesados teñen un prazo de trinta días para presentar alegacións a esta normativa, conformada por vinte artigos (máis unha disposición adicional e outra final) que regulan este novo órgano consultivo e de participación no ámbito dos servizos sociais en todas as cuestións referentes ás súas competencias, buscando a mellor solución para acadar a maior calidade de vida para o conxunto dos cidadás

O Consello de Inclusión Social poderá funcionar en pleno, comisión intersectorial de traballo ou grupos de traballo.

Integran o pleno un presidente (o alcalde), un secretario (o secretario xeral do Concello) e distintos vogais en representación das institucións (grupos municipais da Corporación e sindicatos) e entidades afectadas.

Sectores
Sobre este último punto, o artigo 8 do regulamento divide tales entidades segundo os seguintes sectores: comunidade (Cáritas, Cruz Vermella e Eloraj), familia, infancia e xuventude (Faiben), diversidade funcional (Ambar, Amicos e A Creba), Muller (CIM, Asociación de Amas de Casa e Mulleres en Acción), Maiores (Agadea, Centro Social e Cultural Santa Uxía, Clubs de Xubilados de Riveira, Aguiño, Palmeira e Corrubedo e Centro Residencial de Maiores), Drogodependencias, alcoholismo e outras adiccións (Renacer e UAD) e minorías étnicas e migracións (aquelas asociacións representativas que puidesen existir).

Os vogais do consello serán designados mediante o correspondente acordo polas asociacións, entidades ou institucións que as representen. A súa actuación coincidirá co mandato da Corporación Municipal sendo renovados ao inicio do novo mandato.

En canto á comisión intersectorial de traballo, estará formada pola presidencia, a vicepresidencia (que actuará por delegación como presidente da comisión intersectorial de traballo), os vogais e o secretario do Concello. Por cada sector haberá un representante como vogal, elixido democraticamente no seo do pleno do consello.

Grupos de traballo
Dada a diversidade de funcións e campos de actuación do Consello e para acadar unha maior operatividade, constituiranse diferentes grupos de traballo para temas e estudos específicos consonte coas áreas de actuación do mesmo. Os grupos de traballo presentarán os resultados dos estudos e informes á comisión intersectorial de traballo, quen debaterá as propostas que serán informadas ao pleno.

O pleno do consello reunirase unha vez ao ano en sesión ordinaria e, en sesión extraordinaria, sempre que a presidencia o considere necesario ou o solicite a cuarta parte dos seus membros. A comisión intersectorial reunirase cada catro meses ou cando o solicite a presidencia ou a cuarta parte do consello. Respecto aos grupos de traballo, dada a súa especifidade, as reunións serán flexibles e axeitadas á urxencia de cada tema.